Máis dun ano "chovendo mal"
Cando falas cun labrego cualifícache a choiva entre boa e mala. E non só é mala aquela choiva que non cae, senón a que cae de xeito torrencial e tras moitos días secos. O chan despois de varios días sen choiva e con vento desecante (en Galicia, vento do nordés, principalmente) sécase moi rápido. Unha choiva torrencial co chan reseco, ademais de esnaquizar cultivos, apenas filtra no chan e boa parte desas cantidades de choiva non serven para humedecer o chan, para aumentar o nivel das capas freáticas e para encher os encoros, é dicir, non é unha "choiva boa".
Pois ben, en Galicia, desde outubro do ano pasado está "a chover mal", ou mesmo "moi mal".
Destes últimos 13 meses, só en 3-4 (dependendo da zona) acadáronse as cantidades de choiva normais, pero no último que isto ocorreu (maio de 2017) esas cantidades acadáronse debido a 3-4 días moi chuviosos. Por tanto, só nos pasados meses de febreiro e marzo pódese dicir que choveu "ben".
Na seguinte imaxe vemos as cantidades que se deberían esperar nestes 13 meses e as que realmente se rexistraron en diferentes puntos de Galicia
Como vemos, só no extremo norte, na Mariña, as cantidades de choiva achegáronse ao 80% do agardado. No resto da metade norte e no interior de Galicia só rexistrouse un 60% da choiva habitual, mentres que nas zonas de Galicia máis chuviosas (comarca de Santiago, Costa da Morte, Barbanza e Rías Baixas) as choivas rexistradas estiveron en torno ao 50% do normal.
Deixámosvos, nas seguintes imaxes a evolución mensual en cada unha destas localidades
A Coruña
Santiago de Compostela aeroporto
Lugo aeroporto
Pontevedra
Vigo aeroporto
Ourense
A Mariña
Ademais, aínda que este mes empezou con choivas, a cantidade que levamos acumulada está moi por baixo do que afai chover nun mes de novembro. Desta forma, os encoros galegos están aorredor dun 15% máis baixos do que deberían estar nesta época do ano. Na costa, os encoros están a un nivel medio do 43%, cando o esperado é que estivesen preto do 60%, pero no interior de Galicia a situación é aínda máis preocupante posto que os encoros apenas alcanzan o 38% cando deberían estar no 55%.
Pronósticos a medio e longo prazo
Todo apunta a que os próximos días serán secos, só interrompidos pola posibilidade de que entre venres e sábado chova de forma débil na metade norte. Habería que esperar ata mediados da próxima semana (mércores 22) para ver algún episodio máis de choiva e non parece que chegue para quedar. Por tanto, o mes de novembro seguirá a mesma tendencia que os pasados meses e será un mes seco ou mesmo moi seco en gran parte do país.
Os prognósticos a máis longo prazo apúntannos a que Decembro seguirá sendo un mes de choiva errática, con días puntuais de choiva, posiblemente algunha de caracter intenso, e por tanto acumulando cantidades máis significativas de choiva, pero no que seguiremos oíndo que "chove mal".
A máis longo prazo, co arranque de 2018, poderían recuperarse as cantidades de choiva máis normais en Galicia.
Esperemos que así sexa!!
Comentarios
Queres falar no ascensor? Rexístrate antes! :)
Entrar